Thursday 02 de May de 2024

21 praceiros inician a súa actividade no novo Mercado Municipal de Riveira


O acto de apertura contou coa visita do concelleiro de Economía

Tras catro anos dende comezara a demolición de vella praza de abastos, mañá será por fin o día en que o novo mercado municipal (unha actuación cofinanciada con fondos europeos dentro do programa Riveira Atlántica) abra as súas portas.

E o fará na súa planta baixa, na que están situadas os praceiros e praceiras (21 postos en total, de peixe, carne, froitas e outros) que ata o momento viñan desempeñando o seu labor na carpa provisional da praza de España .

Este espazo foi visitado hoxe no acto de apertura polo concelleiro de Economía, Traballo e Industria Francisco Conde (un departamento autonómico que colaborou con 900.000 euros na financiamento do inmoble), polo alcalde Manuel Ruiz e por distintas autoridades e membros da Corporación que non se quixeron perder este significativo momento.

Tras a visita de rigor polos diferentes postos, a comitiva trasladouse ao primeiro andar, onde se dou conta dos proxectos de ocupación que o Executivo manexa para as outras tres plantas (e a terraza) de que consta o edificio.

Produtos complementarios no primeiro andar
Así, a intención é que o segundo andar conte con catro postos (unha panadería, unha charcutería, un kiosko e un ultramarinos) cos que complementar os produtos que se venden na planta baixa. A este respecto, está previsto que o plego de condicións para poder optar a ocupar a cada un destes postos salga xa a licitación no vindeiro mes.

Se cadra máis interesante e innovador é o que o Concello manexa para as outras dúas plantas. Así, se a cuarta e última vai ter un uso como restaurante, o Executivo pretende vincular este espazo cun centro homologado para a formación en hostalería na planta inmediatamente inferior.

A este respecto, no transcurso do acto se amosaron unha serie de planos e infografías (adxúntanse algunhas delas) para explicar polo miúdo este espazo, que constará dun gran taller de preto de 140 metros cadrados con 16 cociñas para o alumnado e outra para o profesor, zona de lavado ou zona de repostería, ademais de habilitarse unha aula de xestión. almacéns, despachos e outros elementos.

A intención é que neste andar se podan obter diferentes certificados de profesionalidade co fin de contribuír á mellora dos servizos hostaleiros na nosa contorna, tales como operacións básicas de cociña, operacións básicas de restaurante-bar, operacións básicas de catering, cociña, servizos de bar e cafetería ou servizos de restaurante.